A Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia organiza a xornada de lanzamento do RSE Innolab galego

O vindeiro 13 de marzo, a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia celebra a xornada de lanzamento RSE INNOLAB enmarcada no proxecto POCTEP GEMCAT “Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo”.

O RSE-Innolab é unha oficina de apoio en materia de responsabilidade social empresarial a través da cal as empresas con sede no ámbito territorial do proxecto GEMCAT (Galicia, norte de Portugal Castela e León e Estremadura) coñecerán solucións para facer fronte aos desafíos da RSE nunha xornada participativa e dinámica. As persoas asistentes poderán participar nunha dinámica de creatividade, “PHOTOCALL RSEMPRESARIAL”, coa que se pretende crear un marco que posibilite o intercambio de experiencias vinculadas á RSE e á sustentabilidade. Así mesmo, unha persoa representante da Secretaría Xeral de Emprego dará a coñecer o alcance das actividades e servizos que se levarán a cabo no RSE-Innolab galego.
Os principais obxectivos que se perseguen con este evento son os seguintes:
  • Motivar as empresas para que participen e aproveiten as actividades que se levarán a cabo no centro RSE- Innolab.
  • Crear e propiciar un marco para o intercambio de experiencias, estratexias e sensibilidades vinculadas á RSE e á sustentabilidade.
  • Aumentar a promoción da RSE entre as empresas transfronteirizas.

As empresas interesadas en participar deberán inscribirse previamente no enderezo rseinnolab-g@gemcat.eu ou o teléfono +34 664 607 330.